Liñaxe do Reino de Galicia que tivo en Corcubión a súa casa troncal

Don Diego de Lamas e Sotomayor, emparentado co conde de Altamira e home da súa confianza, foi o encargado de vender gran parte das posesións do conde na xurisdición de Corcubión.

No primeiro terzo do século XVII véndelle a un fidalgo da liñaxe Escaja, un solar no corcubionés barrio de Río Seco para edificar unha casa. Este solar corresponde á construción da rúa Atrás de Rafael Juan, número 1, na que se sitúa La Suite años 20.

A casa de tipoloxía agrícola-gandeira, chama a atención pola súa primitiva arquitectura, solidez de muros e as súas pequenas xanelas, na súa fachada Sur destaca a sólida escalinata que conforma o patín que facilita o acceso á primeira planta habilitada para vivenda. A parte baixa estaba destinada a cuadras e almacén de apeiros agrícolas.

No ano 1800 o rei Carlos IV concedeu "patente de corso" a Ángel Escaja Bueno. Xunto a el coincidiron na mesma profesión: Antonio de Leira e Castro, Pedro Lastres de Corcubión, e Meréns, José Sánchez e Pedro Díaz Porrúa de Cee, este grupo de curtidos corsarios, coa súa aguerrida actividade, converteron o porto de Corcubión nun dos máis importantes do Atlántico na poxa de barcos apresados a frotas inimigas e na venda de mercadorías de todo tipo. De entre todos eles, Ángel Escaja Bueno e Antonio de Leira e Castro destacaron excesivamente pola súa coraxe e valor naquela esquecida guerra do corso.

A principios do século XIX, a prosperidade dos seus negocios, leva a Ángel Escaja a edificar unha nova casa máis acorde co seu status e posición. Esta nova casa é a coñecida como "casa da balconada" da rúa Perigos. Tamén edifica en Punta Suaviña (actualmente coñecida como leira da Viña) un almacén de mercadorías.

No ano de 1808, con motivo da Guerra da Independencia, constitúese a primeira Xunta de Defensa de Corcubión e un dos seus membros foi don Ángel Escaja Bueno en calidade de deputado. Tamén formaría parte da segunda Xunta de Defensa co cargo de secretario.

Durante os ataques da tropas francesas á vila de Corcubión, o 13 e 21 de abril de 1809, destacou o tal Escaja polo seu valor á fronte dunha pequena cañonera situada na ría. A tradición oral chegada aos nosos días di que Escaja, aquel bravo corsario, choraba de rabia mentres desde unha cañonera bombardeaba o seu almacén da Viña que estaba a ser saqueado polos franceses.

Aínda, a principios do século XX, outro Escaja volve ser soado. Esta vez, xunto con outro non menos coñecidos mariños do pobo (das familias Porrúa e Abella), tras pertrechar un buque, parten a terras descoñecidas que puidese haber próximas ao polo norte co fin de conquistalas. Nunca máis se soubo de tan intrépidos e románticos mariños.

Actualmente en Corcubión non vive ningún descendente daqueles fidalgos, pero en Cee, Muros e nos Estados Unidos de América existe aínda o apelido Escaja.

Las Suites del Tiempo Ańos 20